PLAY PODCASTS
OLGA GARCÍA FERNÁNDEZ Escola contrahexemónica

OLGA GARCÍA FERNÁNDEZ Escola contrahexemónica

Devenir · Devenir

May 7, 20221h 47m

Audio is streamed directly from the publisher (ivoox.com) as published in their RSS feed. Play Podcasts does not host this file. Rights-holders can request removal through the copyright & takedown page.

Show Notes

Olga García Fernández, nacida en Madrid en 1977, é licenciada en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid (2000). Dende 2006 é profesora de Filosofía de Ensino Secundario. Dende hai once anos (ou cursos, que é como mide a súa vida un profesor), exerce no IES Julio Verne de Bargas, Toledo. Con anterioridade traballou no IES San Juan del Castillo de Belmonte (Cuenca), no IES Juan de Padilla en Illescas (Toledo) e no IES Juan Antonio Castro de Talavera de la Reina. Todos estes centros educativos teñen unha idiosincrasia particular, se ben a maioría deles están en zonas de crecemento demográfico explosivo nas que se sufriu de maneira máis crúa a crise económica de 2008. Os recortes educativos de 2011 na Comunidade de Castela A Mancha afectaron dramaticamente ás familias destas zonas e as consecuencias dos mesmos séguense notando, non se tendo recuperado dereitos do alumnado, do profesorado e da comunidade educativa en xeral. Este é o contexto de combate no que, á beira doutros compañeiros comeza a tomar forma o libro que vería a luz en 2017, Escuela o Barbarie: entre el neoliberalismo salvaje y el delirio de la izquierda. A primeira aproximación académica á Filosofía da Educación foi no doutoramento, co traballo de investigación con título Ilustración y educación (non publicado). No transcurso deste traballo publicouse o artigo Mercado, Pedagogos y Secundaria (2009, Logos. Anales del Seminario de Metafísica) sobre o libro El aula desierta de Concha Fernández Martorell. Baixo a influencia de profesores como Carlos Fernández Liria e Juan Bautista Fuentes Ortega é cando se empeza a pensar a relación polémica entre Filosofía e Pedagoxía, ao menos en relación ás formas progresistas e paidocentristas que adoptou a Pedagoxía dende o século XX. Determinantes son momentos de loita como estudante, como contra o Informe Bricall (Informe sobre la Universidad 2000), que formulaba as liñas mestras das reformas que desenvolvería o Plan Bolonia (firmado en 1999 no marco e desenvolvemento do Tratado de Lisboa). Pero é no exercicio da profesión de docente en secundaria, cando se percibe con auténtica crueza como a escola pública está a sufrir un radical baleirado de coñecemento e a substitución do mesmo por unha sorte de discursos pseudoteóricos, técnicas e metodoloxías “salvíficas”, relacionadas coa Pedagoxía e a Psicoloxía, que máis teñen que ver co interese de pór a escola ao servizo de intereses económicos espúreos que á transición cultural, á ensinanza do saber como fin en si mesmo e para a formación de cidadáns críticos. É este o principio da colaboración con Carlos Fernández Liria e Enrique Galindo, o primeiro profesor de universidade, e o segundo de secundaria, que daría lugar ao libro Escuela o Barbarie, que lle ten valido críticas e ataques a partes iguais por parte da dereita capitalista e da esquerda progresista acrítica. A Editorial Akal é a oportunidade de codirixir, xunto con Enrique Galindo, unha nova colección, a de educación, na que se publican, até finais de 2021, tres obras magníficas: El culto pedagógico. Crítica del populismo educativo (2018), de José Sánchez Tortosa; La dictadura del coaching. Manifiesto por una educación del yo al nosotros (2019), de Vanessa Pérez Gordillo, El fin de la educación. La escuela que dejó de ser (2021), de Xavier Massó Aguadé.